Friday 17 de May de 2024

Feijóo refírese aos profesionais sanitarios como a pedra angular dun sistema público de saúde que “é unha conquista e un éxito de todos”


Anímaos a seguir traballando e a que insistan en manter a sanidade pública nos mellores niveis de calidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos profesionais sanitarios como a pedra angular dun sistema público de saúde que “é unha conquista e un éxito de todos”. E, animounos a seguir traballando e a que insistan en manter a sanidade pública nos mellores niveis de calidade: “Para que sigan sendo esixentes e os recursos públicos se utilicen con maior eficiencia; e para que tamén sexan autoesixentes e utilicen os criterios de utilidade terapéutica nos fármacos que receitan, nas técnicas diagnósticas que prescriben e, en definitiva, no tratamento dos recursos públicos sanitarios”.

Durante a celebración da IX edición do Encontro Médico organizado polo Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña, o titular do Goberno galego lembrou que o traballo conxunto permitiu nestes anos mellorar o sistema: facer máis eficiente a xestión grazas ás TIC; facer unha aposta decidida pola atención primaria, mellorando o acceso a probas complementarias para médicos de familia, aumentando a súa capacidade resolutiva e de diagnóstico, e apostando tamén polas consultas telefónicas; facer infraestruturas para que sete de cada dez galegos teñan ao seu carón un centro de saúde público ou un hospital público novo ou reformado; e convocar máis de 1.600 prazas para distintos profesionais desde 2012 coa novidade de que, na Oferta Pública de Emprego deste ano, a taxa de reposición que se aplica en vacantes é do 100%.

O responsable autonómico valorou tamén o acordo de Docencia Clínica, referíndose a el como “un gran modelo de colaboración”. E, concluíu a súa intervención recoñecendo o labor do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña, e gabando a traxectoria profesional do profesor José Castillo Sánchez, un exemplo de excelencia sanitaria e que tamén abandeira a excelencia universitaria como catedrático en Neuroloxía e director do Departamento de Medicina da USC.